Antonio García Teijeiro
Don Antonio Machado, ese gran camiñante, estaba escribindo sentado nunha pedra do camiño. As bolboretas xiraban e bailaban ao seu redor. El ergueu a cabeza e, ao velas, sorriulles e axudounas a escribir o seguinte poema:
Ti miras o aire,
linda bolboreta,
mentres que a auga
baixa pola pedra.
Auga case muda,
linda bolboreta,
que un día soñou
con bicar a terra.
Auga transparente,
linda bolboreta,
esa que, en silencio,
vai de pedra en pedra.
Tes louras as ás,
linda bolboreta,
mais a auga limpa
ten a pel morena.
Auga recendente,
linda bolboreta,
auga que murmura
rimas de poeta.